O Camiño de Santiago será un dos protagonistas do V Salón Turístico de Galicia, Turexpo Galicia 2015, que se celebrará do 20 ao 22 de marzo no recinto Feira Internacional de Galicia en Silleda.
O certame contará cunha gran recreación do Camiño Francés e a Vía da Prata, realizada a través da presenza da maioría dos concellos situados nestas dúas rutas e tamén de distintos atractivos presentes ao longo delas.
Os municipios presentes contarán cun espazo expositivo situado nunha zona correspondente á súa situación real nestas rutas xacobeas, no que promoverán entre os visitantes as súas propostas turísticas.
Por outra parte, este Camiño de Santiago acollerá na súa Praza do Obradoiro moitas das actividades do programa desta edición da feira. Deste modo albergará exhibicións, demostracións e degustacións dos distintos concellos participantes e das festas de interese turístico presentes no certame, ademais doutras propostas con grande atractivo.
Para percorrer esta magnífica ruta xacobea, que terá unhas dimensións de 5.500 m² de extensión, a feira dispoñerá de varios guías que acompañarán durante o fin de semana a grupos de asistentes ao salón que así o desexen e irán informándoos de distintos aspectos e particularidades.