O Porto de Vigo recibiu a escala do FTI Berlin, un buque de cruceiro que deixou na cidade a máis de medio millar de persoas, entre pasaxe e tripulación, na súa maioría de nacionalidade alemá. Procedente de Lisboa (Portugal) partiu con rumbo a St. Peter Port (Reino Unido).
Pertencente ao touroperador FTI Group, é un barco pequeno de 9.570 toneladas, 139 metros de eslora e 17,5 metros de manga.
Pero se por algo destaca este barco é por ser o escenario da versión alemá da popular serie de televisión ‘Traumschiff‘, coñecida no noso país como ‘Vacaciónes en el mar‘.
Ademais da súa curiosa historia televisiva, o ‘FTI Berlin‘ conta cunha elegante biblioteca con máis de 4.000 volumes e unha ampla colección de CDs e DVDs para os pasaxeiros, ademais de piscina exterior e interior, xunto cunha zona de ximnasio e spa, zona para masaxes e sala de relaxación. Así mesmo, dispón de sala de concertos, onde tamén se fan conferencias e charlas impartidas por convidados especializados en aspectos socioculturais dos países onde fai escala, e pub nocturno. Destaca, ademais, un ‘Biergarten‘ ou ‘Xardín da Cervexa‘, dispoñible, na ponte máis alta e ao aire libre.