Os locais hostaleiros de Carballo acollen, a partir desta fin de semana, a iniciativa Carballo por etapas, que se celebra as fins de semana do 29, 30 e 31 de maio e do 5, 6 e 7 de xuño.
Os produtos de tempada da horta local, os sabores do mar, as mellores carnes, as conservas de máis alta gama e o recoñecido Pan de Carballo únense nunha cita gastronómica que pretende fomentar o turismo e o consumo de produtos autóctonos, dando a coñecer a variedade gastronómica e hostaleira de Carballo.
Nesta terceira edición mantense o número de participantes con 21 locais cuxos restauradores elaborarán para a súa degustación tapas creativas, innovadoras, imaxinativas e saborosas ao prezo de 1 euro. Con cada tapa entregarase un rasca co que optar a algún dos máis de mil premios que están en xogo, e que van dende gorras, toallas e camisetas ata máis tapas ou botellas de viño.
A programación complétase cun Showcooking o 31 de maio a partir das 11:30 horas na Praza do Concello cos recoñecidos chefs Gorka Rodríguez e Adrián Felípez e o Pequechef, un taller de iniciación á cociña para nenos de 3 a 10 anos, tamén o 31 na Praza do Concello, pero a partir das 17:30 horas. Ademáis, un tren turístico cedido polo Concello de Cabana percorrerá unha ruta por todos os establecementos durante os días da cita.