Aguas de Mondariz eríxese co título da mellor auga mineral natural sen gas do mundo tras ser a única, ata o momento, en conseguir un Diamond Taste Award, que lle outorgou o prestixioso Instituto Internacional de Sabor e Calidade (International Taste & Quality Institute, iTQi) de Bruxelas. Trátase do maior premio internacional ao que pode aspirar calquera empresa do sector das bebidas e alimentación e co que se recoñece o Sabor Superior e a excelencia dos produtos da empresa galega. Ademais, ratifica a Mondariz como a mellor marca de auga mineral natural sen gas, a nivel internacional.
A súa auga mineral natural con gas tamén obtivo, por sexto ano consecutivo, a máxima puntuación, as 3 estrelas de ouro do Superior Taste Award, que concede o ITQI. Se o ano que vén volve lograr este resultado, obtería tamén un Diamond Taste Award, polo que sería a única empresa de augas envasadas, a nivel mundial, en conseguir 2 Diamonds para os seus dous tipos de auga.
O proceso de avaliación dos produtos presentados realízase nunha cata ás cegas, sen envoltorios nin envases, polo que o xurado en ningún momento pode identificar a marca á que pertence a auga que está a catar, para blindar a obxectividade e imparcialidade da proba.