
As localidades galegas de Betanzos e Viveiro regresarán, esta fin de semana, entre o venres e o domingo, ao seu pasado, coa celebración de senllas feiras de recreación histórica.
Por unha parte, Betanzos acollerá entre o 11 e o 13 de xullo a XVII Feira Franca Medieval, na que ademais dos tradicionais postos do mercado, os asistentes poderán gozar de diferentes actividades de animación, como recreacións de momentos históricos da localidade, espectáculos de música, teatro, malabarismo, tiro con arco ou cetraría. Ademais dun recuncho infantil pensado para os máis pequenos da casa.
Por outra parte, Viveiro chega á sétima edición do seu mercado renacentista que recrea a época de Carlos V. A cita transformará a localidade entre o 11 e o 13 de xullo cun mercado da época, monicreques, teatro na rúa, música, danza e malabar.