A Coruña promóvese como destino de proximidade de primeiro nivel nas comunidades autónomas de Castela e León e Asturias ata o día 26 de novembro con encontros en León, Valladolid, Xixón e Oviedo, cidades onde o Consorcio de Turismo presentará a oferta coruñesa da man dalgúns dos principais hoteleiros e cociñeiros da cidade.
Buscar a desestacionalización da oferta turística e dar a coñecer os atractivos da Coruña como destino gastronómico, familiar ou de fin de semana son os principais obxectivos da iniciativa, que se centrará en organizar presentacións en cada cidade con encontros de traballo entre profesionais do sector.
Ademais, a cidade tamén se promoverá como destino gastronómico en Lyon (Francia) dentro das accións deseñadas por Saborea España, a plataforma turística da que A Coruña é membro. O evento consistirá nun showcoooking a cargo de Luis Veira, do restaurante Árbore da Veira e Estrela Michelín. O xefe de cociña presentará ante medios de comunicación, touroperadores e axencias especializadas en turismo gastronómico, así como importadores e distribuidores de produtos agroalimentarios en Francia, o prato Zamburiñas con jugo de tuétano y caviar. O evento celebrarase hoxe xoves, 20 de novembro.