
A Deputación da Coruña colaborará coa modernización do espazo expositivo na Casa Museo Rosalía de Castro de Padrón. En concreto, a institución provincial achegará 32.668,07 euros á Fundación Rosalía de Castro para que poida adquirir novo equipamento tecnolóxico que mellore a información para os visitantes.
Con estes preto de 33.000 euros subvencionarase o 80% da compra e instalación de novos materiais como son un proxector de vídeo de alta resolución para visionado cenital con equipo de son incorporado, equipos audiovisuais e de edición de contidos e os mobles, rotulación e vitrinas para montar unha exposición sobre a poetisa, ademais da reprodución de documentos e imaxes, incluíndo o seu enmarcado e montaxe. A intención é que todo o material estea listo no primeiro trimestre de 2015.
Todas estas novidades localizaranse na planta baixa do edificio, a zona que en peores condicións se atopa do museo. A Deputación da Coruña xa colaborou o ano pasado coa Fundación Rosalía de Castro coa cesión temporal de bens pertencentes á institución provincial e que agora poden ser observados na Casa Museo de Padrón.