O concello de Vilagarcía e máis a asociación Rompetimóns colaboran de novo para ofertar aos veciños a posibilidade de coñecer a Ría e o Parque Nacional das Illas Atlánticas navegando a vela nun galeón tradicional.
Durante o mes de xuño organizaranse cinco travesías a bordo da embarcación recuperada polo colectivo de Carril. As excursións son de balde e os interesados poderán inscribirse hoxe e mañá para participar no sorteo no que se adxudicarán as prazas.
As travesías a bordo do galeón Illa de Cortegada realizaranse en fins de semana, (sábados ou domingos) e o horario depende das mareas. Haberá dúas excursións o sábado 7 de xuño, con saídas ás 10:00 e 12:15 horas. O domingo 8 de xuño, o barco zarpará ás 11:30 horas. O domingo 15 de xuño o galeón soltará amarras ás 17:30 horas e o domingo 28 de xuño ás 16:30 horas. As singraduras terán unha duración aproximada de dúas horas. Tamén haberá travesías en xullo e agosto, aínda que os calendarios están sen pechar.
As persoas que desexen participar nesta actividade deben inscribirse na Concellería de Medio Ambiente, ben acudindo directamente á dependencia sita no entrechán do Concello ou remitindo o formulario ao correo electrónico bmalvar@vilagarcia.es.