A Asamblea Xeral da Asociación Europea de Cidades Termais Históricas (EHTTA), reunida en Salsomaggiore (Italia), aprobou o ingreso da provincia de Ourense na devandita organización.
Esta adhesión enmárcase dentro das actuacións contempladas no Plan Termal que entre as súas medidas inclúe a participación en redes e o establecemento de alianzas. A provincia de Ourense entra a formar parte dunha organización na que xa están presentes 40 membros de 13 países, na que se atopan cidades como Baden Baden, Bath, Budapest, Vichy e a propia cidade de Ourense. A misión desta organización é impulsar, protexer e promover a cultura termal de Europa.