As adegas asociadas á Ruta do Viño Rías Baixas recibiron 83.287 persoas durante 2015. Esta cifra supón o 93,9% das visitas totais rexistradas neste itinerario enoturístico, que o pasado ano alcanzou un novo récord con 88.679 visitantes.
Dacordo cos rexistros proporcionados polos propios socios, a media de visitantes por adega ascende a un total de 1.572 persoas. A empresa vitivinícola con maior afluencia de turistas está localizada na subzona de Val do Salnés e acumulou un total de 15.006 visitas. Unha cifra que demostra o crecente interese por coñecer o amplo patrimonio enoturístico vinculado á Ruta do Viño Rías Baixas.
Precisamente a subzona de Val do Salnés, cuxa oferta enoturística inclúe 36 adegas, é a que contou en 2015 con maior número de turistas, aglutinando algo máis do 90% do rexistro total. Neste caso, a media de visitante por adega é de 2.113 persoas. Séguelle O Rosal, Condado do Tea e a subzona Ribeira do Ulla.