A nova web, www.ciudadespatrimonioaccesibles.org, recolle a información sobre o nivel de accesibilidade de rutas urbanas e puntos de interese turístico das 15 cidades que forman parte do Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade de España, entre as que se atopa Santiago de Compostela.
A información das rutas e puntos de interese turísticos é descritiva para que cada persoa poida realizar unha elección en función das súas necesidades específicas de accesibilidade. Toda esta información foi verificada in situ polos técnicos de PREDIF de acordo cun protocolo de comprobación da accesibilidade específico para establecementos turísticos.
A información publicada na web está tamén dispoñible na aplicación móbil de turismo accesible TUR4all, promovida por PREDIF e a Fundación Vodafone España, e na app Cidades Patrimonio Accesibles. Todas estas ferramentas nútrense da mesma base de datos e ofrecen información sobre aloxamentos, restaurantes, oficinas de turismo, monumentos, museos e centros culturais, espazos lúdicos, espazos de congresos, espazos naturais e rutas peonís.