Os afeccionados e amantes da camelia teñen unha cita esta fin de semana en Tomiño. O concello celebrará o sábado e o domingo unha nova edición, a sexta, do Concurso-exposición da Camelia.
A inauguración oficial realizarase ás 13.00 horas do sábado, 14 de febreiro, e a exposición abrirase ao público dende as 18:00 horas ata as 21:00 horas no espazo situado en Casiña de Mosteiro, 39. O domingo a exposición estará aberta de 10:00 a 20:00 horas e a entrega de premios será ás 12:00 horas.
Entre os premios que se outorgarán destacan os destinados á mellor presentación artística, ao mellor conxunto de flor, aos mellores escaparates e, como novidade, realizarase un concurso de pintura.
A camelia gañou moitos afeccionados nos últimos anos e, durante estes meses de febreiro, marzo e abril, celebraranse máis dunha ducia de certames na nosa comunidade que, dun tempo a esta parte, fixo unha aposta decidida por impulsar as actividades e as accións turísticas relacionadas con esta planta e esta flor.