Máis de 23.000 persoas pasaron polo Fórum Gastronómico Coruña 2015, durante os seus tres días de celebración, superando as cifras do ano pasado e máis de 10.000 participaron nas actividades do Fórum Cidade.
Esta segunda edición, marcada pola promoción da gastronomía de brasa e grella, que prestou especial atención ao viño, e que contou con Porto como cidade invitada, foi cualificada de éxito rotundo polos seus organizadores.
Os talleres para o público e as actividades para profesionais tiveron unha grande acollida e os asistentes puideron gozar dos consellos de grandes profesionais da gastronomía con presenza de moitos cociñeiros galardoados con Estrela Michelin. Os talleres e actividades tiveron unha ocupación do 100%, case un centenar de profesionais realizaron 70 actividades, e houbo presenza de máis de 600 marcas nunha superficie un 40% superior á do ano pasado.
O novidoso Cook Trends, un espazo para gozar das últimas tendencias en restauración foi outro dos grandes atractivos desta segunda edición do Fórum Gastronómico e un dos puntos nos que se concentrou un maior número de visitantes.
En canto aos concursos, Gorka Rodríguez foi proclamado Cociñeiro do Ano 2015; Francisco Gómez González, gañador do concurso de pulpeiros; en canto ao Fórum Tapas, o Hotel Attica 21 gañou a tapa Fórum público e o premio do xurado, mentres que O Cabo se levou o premio ao local máis valorado e Boca Negra o premio á tapa que mellor marida con cervexa; Alberto Fuentes gañou o Concurso de Tiraxe de Cerveza Estrella Galicia; e entregáronse os premios Picadillo.