O Mosteiro de Caaveiro foi, un ano máis, o monumento da Deputación da Coruña máis visitado durante esta Semana Santa, período no que se rexistrou o paso de 2.958 persoas. A xornada de maior afluencia de público foi o Venres Santo, día no que se contabilizaron ata 734 visitantes.
Bátese así un novo récord de turistas nestas datas, xa que o ano pasado a cifra foi de 2.847 fronte aos 1.575 de 2013 e os 1.711 de 2011. A maior parte das persoas que visitaron o monumento sito no parque natural das Fragas do Eume procedían de fóra de Galicia, e moitos deles utilizaron o servizo de transporte gratuíto que ofrece a Deputación da Coruña tanto dende o Centro de Interpretación das Fragas, no municipio de Pontedeume, como dende A Capela.
Por outra banda, as Torres do Allo e os Batáns de Mosquetín abríronse esta Semana Santa por primeira vez baixo a xestión de persoal pertencente a un centro público de emprego e recibiron nestes días a visita de 345 persoas e 347, respectivamente. Finalmente, as visitas organizadas ao Pazo de Mariñán durante os festivos da semana pasada, alcanzaron as 110 persoas.