Cervexa Menduiña acaba de lanzar Lobishome, a primeira cervexa artesá galega elaborada con malte de cebada apta para celíacos. A nova creación da cervexeira de Cangas é produto do estudo e a investigación que lles permitiu reducir a presenza do glute ata límites tolerados polos celíacos a través de métodos naturais, polo que a elaboración conserva o sabor, aroma e amargor característicos dunha cervexa. Trátase da primeira cervexa artesá galega para celíacos.
Con este lanzamento os seus creadores apostaron por unha elaboración cun estilo India Pale Ale, de amargor pronunciado, na que se usou moito lúpulo de orixe americana e xaponés que lle achega un aroma e sabor cítricos, un carácter que queda reforzado polo uso de mondas de lima fresca e loureiro.
A primeira remesa de Lobishome, de 1000 litros, xa está a ser comercializada, e a acollida non puido ser mellor, xa que foi unha cervexa que se presentou nalgunhas das feiras de cervexas artesanais nas que Menduiña participou, con notable éxito.