Ata o próximo 8 de xullo, con motivo da celebración da 39ª sesión do Comité do Patrimonio Mundial, os Camiños do Norte xóganse en Bonn a súa inclusión na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO, un legado de monumentos e sitios de extraordinaria riqueza natural e cultural que pertencen a toda a humanidade.
A candidatura dos Camiños do Norte, ampliación de “Camiños de Santiago de Compostela” foi promovida polos gobernos autonómicos de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco e La Rioja, así como polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte do Goberno de España. Esta non só propón o recoñecemento da catro rutas singulares: o Camiño da Costa, o Camiño Primitivo, o Lebaniego e o Vasco-Rioxano, senón que abrangue a inclusión nominal dun total de dezaseis monumentos da máxima relevancia e valor cultural. No caso de Galicia, recoñécense singularmente catro: a Muralla e a Catedral lucenses, a Catedral mindoniense e o Mosteiro de Sobrado dos Monxes.
A inclusión na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO é o máximo recoñecemento internacional que pode recibir un ben, así como unha oportunidade para que Galicia incremente a súa nómina de declaracións, que na actualidade inclúe xa a Cidade Vella de Santiago de Compostela, elixida en 1985; o Camiño de Santiago Francés, inscrito en 1993; a Muralla romana de Lugo recoñecida no 2000; e a Torre de Hércules, que alcanzou a súa inclusión en 2009.
En concreto, entre os días 3 e 5 de xullo, trataranse as novas incorporacións á Lista do Patrimonio Mundial, para o cal se examinarán un total de trinta e sete candidaturas de inscrición, que inclúen cinco sitios naturais, trinta e un culturais e un de carácter mixto.