Situada a uns minutos do centro de Arzúa, a área recreativa de Ribadiso é un lugar perfecto para realizar unha escapada en familia nun día de primavera ou verán, xa que conta con diferentes zonas de esparexemento que permiten desenvolver moitas actividades ao aire libre para todos os gustos.
A parte principal é a praia fluvial, situada no río Iso, á que se accede ben a través dunhas escaleiras ou dun semicírculo pechado por un pequeno muro. Sobre a auga, varias pequenas pontes déixannos unha fermosa imaxe desta zona.
Arredor da praia fluvial encontrámonos un merendeiro con barbacoas, perfecto para unha comida familiar ou entre amigos; hai ademais varias pistas polideportivas con canastras e portarías para a práctica deportiva en plena natureza; un bar e un pequeno parque infantil para que os nenos e nenas non teñan un minuto para aburrirse.
Toda a zona está rodeada dun amplo espazo verde e arborado para dar un pequeno paseo ou para que os máis pequenos poidan xogar ás súas anchas.
A área recreativa de Ribadiso é un dos puntos de interese que o concello de Arzúa destaca na Ruta do Iso. Trátase dun ruta de sendeirismo de 4 ou 8 quilómetros, segundo a variante que elixamos, de percorrido circular e que se pode iniciar na propia praia fluvial. Este paseo, sen dificultade, lévanos por diferentes lugares de interese do concello de Arzúa.
RIBADISO OFRECE UNHA PRAIA FLUVIAL, MERENDEIRO, PISTAS POLIDEPORTIVAS, SENDEIRISMO E UN PARQUE INFANTIL
Por outra parte, moi preto desta zona encóntranse varios lugares de referencia do Camiño de Santiago como unha ponte medieval do século XII, para o paso de peregrinos, ou o antigo hospital (séculos XIII-XIV) reconvertido en albergue de peregrinos en 1993 e que conta na actualidade con capacidade para 70 persoas.
Todo isto fai deste pequeno recuncho un lugar ideal para escaparse, por un día, da vida diaria e gozar dunhas horas de ocio, diversión, deporte e cultura nun ámbito natural.