A Indicación Xeográfica Protexida (IGP) Mel de Galicia consegue a acreditación como entidade de certificación de produto concedida por ENAC. Este certificado garante que todo o proceso de extracción, almacenamento e envasado cumpren os altos requisitos de calidade que este certificado esixe, pero ademais dun modo independente e obxectivo.
Esta garantía adicional concedida a Mel de Galicia, por parte da Entidade Nacional de Acreditación, non é senón unha garantía máis para o consumidor. As acreditacións de ENAC son recoñecidas en máis de 60 países ao ser ENAC asinante dos Acordos de Recoñecemento Mutuo establecidos a nivel internacional entre organismos de acreditación de todo o mundo.
A firma destes acordos fai que os produtos e servizos españois que acceden a mercados externos, con certificados emitidos por laboratorios ou entidades acreditadas por ENAC, vexan reducidos de maneira significativa, e mesmo eliminados, os obstáculos técnicos que poidan exporse nos devanditos mercados.