Co inverno e o Nadal ao virar a esquina, propoñémosvos que gocedes dunhas horas en familia afastados do trafego das compras e compromisos propios desta época para darvos un respiro nunha paisaxe nevada situada en plena natureza.
Se probades a buscar na internet inverno ou Nadal, aparecerán ante as vosas pantallas infinitas imaxes cunha gran protagonista: a neve. Pero en gran parte de Galicia, esas idílicas paisaxes brancas están un pouco afastadas do noso día a día. É máis, é probable que algún neno nin sequera estivese en contacto coa neve aínda. Por este motivo, queremos propoñervos que toda a familia vos preparedes para unha excursión á neve e para que todos, adultos e menores, volo pasedes como nenos.
Na Estación de Montaña Oca Nova Manzaneda, situada en plena Serra de Queixa, a tempada comeza oficialmente a principios deste mes de decembro, á altura da ponte da Constitución. Trátase da única instalación destas características en Galicia e é as máis occidental de Europa.
Este ano contará cun total de 23 pistas e 17 quilómetros esquiables, aínda que de todas elas, a máis recomendable é a de O Xeixo, á que acoden a maior parte das familias que queren iniciarse e ter un primeiro contacto coa neve. Situada a unha altura de entre os 1.500 metros a pé de pista e os 1.800 no seu punto máis elevado, a estación está rodeada por un bosque de 2.000 hectáreas no que piñeiros, brezos e bidueiros conviven con corzos e ardillas, entre outras especies.
Así que, se un busca esa tan desexada e bucólica imaxe dunha natureza pintada de branco, este é, quizais, un dos lugares máis apropiados. Iso si, para non levar sorpresas, o mellor antes de iniciar a viaxe é consultar na web da estación o parte de neve e meteorolóxico ou as imaxes da súa cámara web.
Unha vez alí, as opcións son moi variadas e todo depende do que busque cada familia. Se imos con nenos moi pequenos, se cadra só queremos pasar medio día, ter ese primeiro contacto coa neve, dar un pequeno paseo, facer un boneco e, por exemplo, alugar un trineo.
Os máis lanzados poden atreverse coas raquetas, esquís ou snowboards, xa sexa pola súa conta ou solicitando unha hora de clase -seguramente o máis recomendable se nunca practicamos ningún deporte na neve-.
Os expertos teñen á súa disposición máis dunha vintena de pistas para descubrir pola súa conta e seis telesillas e telesquís para poder acceder a elas.
Aínda que o obxectivo da nosa escapada é pasar unhas horas na neve, a estación está preparada para funcionar durante todo o ano con instalacións que albergan un parque multiaventura, piscina cuberta climatizada e spa, ludoteca e pavillón polideportivo e toda unha serie de actividades pensadas para aprender a gozar da natureza: rutas de sendeirismo, excursións en quad, tiro con arco ou karts. Actividades que, no verán, increméntanse. Ademais, entre as novidades deste ano figura un novo parque infantil.
O prezo do forfait por un día vai desde os 5 euros (para nenos de ata 5 anos) aos 22 para os adultos, pasando polos 15 euros para nenos de 6 a 12 anos. Aínda que tamén hai outras posibilidades como medio día (a partir das 14:00 horas), dous días ou mesmo pases anuais se nos namoramos da experiencia.
A hora para comer non será ningún problema, xa que ademais do restaurante á carta Os Arandos, existe un restaurante-autoservizo que conta con menú infantil ao prezo de 6,50 euros.
En canto a onde deixar o coche, a estación ofrece un aparcadoiro exterior que, en días de gran afluencia de xente, o persoal das instalacións encárgase de dirixir para axudar aos visitantes para atopar sitio sen dificultade.
E se nos apetece gozar dun fin de semana nesta zona, a estación conta con aparthotel con apartamentos de 4 a 7 prazas equipados con dormitorio, salón e cociña.
Fotos cedidas por Estación de Montaña Oca Nova Manzaneda
Tamén podes consultar esta reportaxe na revista mamimagazin.com na sección Escapada en familia.