O Consello Regulador Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia participará este domingo nunha cata maridaxe con repostería tradicional da Terra de Melide.
O acto inclúese dentro do amplo programa de Manxares, Feira Agroalimentaria de Galicia, que se desenvolverá os días 12 e 13 de decembro no Palacio de Congresos do Concello de Melide. En concreto, esta cata maridaxe terá lugar ás 11:00 horas do domingo 13.
A sesión é de carácter gratuíto e conta cunha trintena de prazas. Para inscribirse, só hai que poñerse en contacto co Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Ulla Tambre Mandeo a través do teléfono 981 511 377.
Na sesión daranse a coñecer as principais características dos produtos amparados polo Consello Regulador (Augardentes, envellecida e de herbas e licores de herbas e café) e a súa versatilidade á hora de maridar coas sobremesas tradicionais da Terra de Melide (melindres, ricos e almendrados).