En Galicia o verde é verde en todos os seus matices, desde o dos seus bosques e montes, ao das árbores dos seus xardíns e parques; e na terra dos mil ríos e dos 1.500 quilómetros de costa, o azul percorre todas as súas gamas a través das súas augas: desde os mananciais e fontes ata os lagos, lagoas, ríos, rías, mares e océanos. Galicia cheira á humidade dunha noite de xeada no interior e á salitre da súa costa. Galicia soa ao goteo da choiva no inverno e ao alegre son dunha gaita amenizando as romarías e festas de verán. Galicia é a sensación de fresco nas noites estivais e o renxer da terra baixo os pés ao percorrer os seus carreiros. Galicia, ademais, sabe a produtos naturais e de calidade.
Quizais é a suma de todas estas sensacións, e moitas máis, as que deron orixe ao que os galegos denominamos morriña, un sentimento que só os que nos visitan acadan a comprender cando nos deixan e que lles leva a vir unha e outra vez. Galicia é unha terra con moito que ofrecer, pero realmente está ao alcance de todos? Somos unha comunidade accesible para todo tipo de turistas?
Segundo Predif (Plataforma Representativa Estatal de Persoas con Discapacidade Física) o turismo para todos non se limita á eliminación de barreiras físicas, sensoriais ou da comunicación, senón que ten por finalidade lograr que as contornas, produtos e servizos turísticos poidan ser gozados en igualdade de condicións por calquera persoa con ou sen capacidade. Parece que, en pleno século XXI, esta definición, máis que un obxectivo debería ser unha realidade, con todo, aínda que os gobernos e as entidades e asociacións relacionadas co turismo están a dar moitos pasos nesta dirección, aínda queda moito traballo por facer. Galicia10 pretende realizar unha pequena radiografía sobre a situación desta comunidade.
Nos últimos anos a aposta por un turismo inclusivo e accesible por parte das diferentes administracións e entidades relacionadas co turismo foi clara. Conscientes de que un turismo inclusivo supón mellorar a calidade da oferta, aumentar a cota de mercado, reducir a estacionalidade, mellorar a imaxe e a sustentabilidade, ninguén quere quedar atrás.
Galicia non é unha excepción, desde a Xunta está a traballarse, desde hai tempo, con Predif para dar a coñecer os recursos accesibles da comunidade. En concreto, están a darse importantes pasos tanto nun plan de accesibilidade turística de Galicia como nun plan de accesibilidade para o Camiño de Santiago. “Isto demostra o interese que se ten por mellorar as condicións de accesibilidade desta comunidade”, sostén Francisco Sardón, presidente de Predif, quen engade: “Traballamos diagnosticando novos recursos turísticos accesibles, publicándoos ou asesorando para melloralos tecnicamente. Nestes momentos as medidas máis urxentes serían ofrecer información veraz sobre os recursos turísticos existentes, un plan de mellora continuada na accesibilidade dos mesmos, un plan de sensibilización ao tecido empresarial e plans de formación para a atención a turistas con discapacidade e necesidades diversas”.
Galicia ten tres aeroportos: Alvedro (A Coruña), Lavacolla (Santiago) e Peinador (Vigo) e todos eles, segundo AENA, contan cun servizo de atención a pasaxeiros con mobilidade reducida. En canto ás estacións de ferrocarril, e segundo datos de ADIF, as das principais localidades galegas contan con diversos servizos tanto para persoas con mobilidade reducida como, nalgúns casos, para persoas con discapacidade auditiva. E se nos referimos ás estacións de autobús, a Xunta de Galicia ten en marcha o Plan Renove 2013-2016 que prevé un investimento de máis de 4 millóns de euros para intervir en 37 destes espazos con obras de todo tipo, entre as que se inclúen as de accesibilidade. Un exemplo recente é a estación coruñesa, que esta primavera incorporou unha rampla de acceso e a instalación e dous novos ascensores, entre outras melloras. En canto ao sector do taxi, un estudo realizado en 2014 pola Fundación ONCE e o CERMI, puxo de manifesto que os seis principais municipios galegos de máis de 50.000 habitantes non cumprían o mínimo esixible dun 5% de vehículos adaptados sobre a frota total. Neste sentido, Francisco Sardón, presidente de PREFIF, asegura que o transporte accesible é un dos principais hándicaps da comunidade.
Turgalicia editou, en 2012, unha completa guía de aloxamentos accesibles que contempla máis dunha trintena destes establecementos, entre hoteis, pensións, pazos ou casas rurais e máis dun centenar que cualifica de practicables. Grazas a ela, os turistas poderán acceder a unha información obxectiva e descritiva para decidir onde durmir. “O tecido empresarial cada vez está máis convencido de que o turismo accesible ten un retorno social e económico e, sobre todo, no sector hostaleiro están a producirse avances”, reflexiona Francisco Sardón. Precisamente, desde diferentes asociacións e, mesmo, desde o goberno galego, a formación do persoal que dá servizo aos turistas é un dos principais obxectivos para conseguir que Galicia sexa un destino de calidade.
Segundo a segunda edición da campaña Destino Turístico Accesible, impulsada pola empresa ThyssenKrupp Encasa, Lugo, seguida de Ourense e Allariz, son os tres lugares máis accesibles de España. Así que a súa visita pode ser unha boa opción.
Ademais, a través de webs como barreira-cero.com ou equalitasvitae.com as persoas interesadas poden acceder a artigos, suxestións e guías sobre cidades ou lugares accesibles da nosa comunidade. Precisamente, neste campo, o da información, é onde desde Predif detectan unha das carencias máis importantes: “Non existen publicacións específicas dos recursos turísticos accesibles xa existentes en Galicia e isto impide que moitas persoas se decidan por esta comunidade como destino turístico”.
Aínda así, Predif, na súa web predif.org ofrece folletos de espazos e actividades de lecer e tempo libre accesibles, espazos naturais monumentos, museos ou restaurantes de toda España, nos que se atopan, tamén, os galegos, sumando uns 400 os que contan cun selo de Turismo accesible.
As Fragas do Eume, o parque natural das dunas de Corrubedo, o de O Courel ou o Monte Aloia, así como a praia das Catedrais contan con puntos accesibles. Tamén o Museo da Casa das Ciencias, o Verbum ou o centro de Interpretación da Muralla de Lugo son destinos recomendables. Lugares emblemáticos como as catedrais de Santiago e de Lugo, a propia muralla desta cidade ou As Burgas de Ourense son monumentos de Galicia para todos.
SEGUNDO PREDIF, AS MEDIDAS MÁIS URXENTES SERÍAN OFRECER INFORMACIÓN VERAZ SOBRE OS RECURSOS TURÍSTICOS EXISTENTES, UN PLAN DE MELLORA CONTINUADA NA ACCESIBILIDAD DOS MESMOS, UN PLAN DE SENSIBILIZACIÓN AO TEXIDO EMPRESARIAL E PLANS DE FORMACIÓN PARA A ATENCIÓN A TURISTAS CON DISCAPACIDADE E NECESIDADES DIVERSAS
Se Galicia ten un símbolo, ese é o Camiño de Santiago. Declarado en 1987 primeiro itinerario cultural europeo e patrimonio mundial nos seus percorridos francés, norte e primitivo, un total de 1.320 quilómetros discorren por máis de 100 municipios da comunidade (case un terzo do total). Conscientes da súa importancia, desde a Xunta trabállase no Plan Director e Estratéxico do Camiño de Santiago que fixa o seu horizonte en 2021, próximo ano xacobeo e que, entre os seus obxectivos, pretende conseguir un camiño de Santiago accesible. “Integrar métodos e criterios de accesibilidade no tratamento do camiño, no seu patrimonio vinculado e nos servizos de asistencia aos peregrinos co fin de facer da ruta un espazo adaptado a todos na medida dos posible”, así resume o plan unha das súas principais estratexias que prevé poñer en marcha con accións como continuar co proxecto Xacobeo Accesible, a adaptación con criterios accesibles do patrimonio, da rede pública de albergues, da información ou dos programas de formación e asesoramento en accesibilidade destinados aos axentes públicos e privados.
A pesar de que queda moito por facer nun dos nosos principais focos de atracción turística, isto non impediu que en 2015 Óscar Jiménez soyoscarjimenez.com asumise e cumprise o reto de percorrer máis de 700 quilómetros da ruta xacobea en cadeira adaptada, demostrando que nada é imposible e que somos nós os que fixamos os nosos propios límites.
A Ruta do Viño Rías Baixas é a única de Galicia incluída na Guía de Rutas Enológicas de España, Accesibles para Todas las personas, por iso, é un dos plans que Galicia10 propón a todos os lectores que queiran coñecer as nosas terras. A ruta abarca un territorio que pasa por Val do Salnés, O Rosal, Ribeira do Ulla e Condado do Tea no que se integran un centenar de entidades públicas e privadas entre adegas, destilerías, comercios especializados, aloxamentos, restaurantes ou museos. Non consiste nun percorrido pechado, senón que se poden realizar diferentes itinerarios ou, directamente, seleccionar os lugares e establecementos que máis nos atraian e planificar a nosa propia viaxe. Os interesados poden acceder a unha publicación para smartphone adaptada rutadelvinoriasbaixas.com/apps onde atopará toda a información con tecnoloxía de realidade aumentada.
A MANCOMUNIDADE DE MUNICIPIOS AROUSA NORTE OFRECE PAQUETES TURÍSTICOS ACCESIBLES PARA PERSOAS CON DISCAPACIDADE AUDITIVA E VISUAL
Por outra banda, desde 2010, a Mancomunidade de Municipios Arousa Norte ofrece paquetes turísticos accesibles que lle valeron varios recoñecementos. O primeiro deles foi un paquete turístico accesible para persoas con discapacidade visual que inclúe aloxamento en casas de turismo rural, restauración e actividades de lecer. Comezaron cunha ruta do mexillón sensitiva, á que se foron sumando outras accións como unha fotografía sensitiva, un concerto sensitivo así como a visita guiada a conservera artesá Luís Escurís Baralla que ten unha gama de produtos con estoxos serigrafiados en braille. En 2014, Arousa Norte asumiu un novo reto: a creación dunha oferta turística para persoas xordas que inclúe, entre outras actividades, visitas guiadas en lingua de signos. arousa-norte.es
Son só dous exemplos de que algo está a cambiar e de que o sector turístico empeza a ser consciente da importancia que ten chegar a todos os visitantes ofrecendo servizos que se adapten non só a todos os gustos, senón a todas as necesidades. De que serve, senón, presumir da nosa riqueza turística se non podemos compartila e facela chegar a todo o mundo?