A Sociedade Española da Camelia (SEC) celebrará, ao longo deste ano 2016, un total de 27 exposicións de Camelia, das que a práctica totalidade delas se realizará en Galicia.
O calendario abrirase este mesmo mes de xaneiro coa I Mostra da Camelia de Tui que terá lugar os días 16 e 17; e pecharase en decembro, os días 10 e 11, no concello de Boiro. Os meses de máis actividade serán os de xaneiro, febreiro, marzo e abril.
Coñecida como a flor de Galicia, a camelia embelece os xardíns da nosa comunidade durante os meses de outono e inverno e, nos últimos anos, experimentou un gran pulo grazas ao interés que suscitou noutras comunidades autónomas, chegando mesmo a promover un novo tipo de turismo afeccionado a visitar os xardíns máis fermosos de Galicia. Neste senso, desde hai uns anos, está operativa a ruta da camelia de Galicia.