A xira nacional de El Capitán Elefante emprende a súa recta final en terras galegas con dous únicos concertos na Coruña e Vigo os próximos días 10 e 11 de xuño. O cuarteto biscaíño de indie-rock presentará as cancións do seu último traballo discográfico, Agoraphobia (Gaua, 2015) tras facelo xa polas principais cidades do país. A súa música segue o camiño marcado por referentes nacionais como Vetusta Morla, Los Enemigos, Los Planetas, El Columpio Asesino ou Supersubmarina.
A primeira das dúas citas será o venres na sala Mardi Gras da Coruña (22:30 horas). Como artista convidado actuarán os coruñeses SleepWalker. A segunda, ao día seguinte, terá como escenario A Fábrica de Chocolate de Vigo (21:30 horas) cos vigueses Inerttes de teloneiros.