Turismo de Galicia destinará 100.000 euros para a dinamización turística da provincia de Ourense a través dun convenio firmado co Instituto Ourensano de Desarrollo Económico (INORDE).
O acordo pretende impulsar os recursos turísticos propios da provincia como o termalismo, a enoloxía ou a natureza para desestacionalizar a demanda con accións de promoción en mercados de cercanías. Deste xeito, consolidarase Galicia como un destino multiexperiencial, cunha oferta segmentada e de calidade.
En base ao convenio, desenvolveranse actuacións relacionadas co deporte como a promoción do Centro de Entrenamento de Remo Laias, Arnoia e Castrelo de Miño nas Olimpiadas de Río 2016, a elaboración dun plan director para esta entidade e a dotación de equipación para o campo de regatas Arnoia – Laias. Ademais, invertirase en promover e comercializar o termalismo, un dos principais atractivos turísticos da provincia, incluíndo o termalismo deportivo e con actos a nivel internacional. Financiaranse tamén as actuacións do programa Galicia a todo tren, que un ano máis estará en marcha na provincia e no resto da Comunidade. Asemade, ampliarase o espazo para exposicións na aula do tren da estación dos Peares e manteranse os centros de interpretación das estacións de Santa Cruz, Os Peares e Baños de Molgas.