Turismo de Galicia acaba de anunciar unha nova campaña de promoción que, a través das recomendacións dos propios galegos, tratará de chegar a 28 millóns de persoas para que visiten a nosa comunidade.
Baixo o slogan en galego Á xente que quero, recoméndolle Galicia, e en castelán Si te han recomendado Galicia, es que te quieren, os galegos recomendarán os atractivos da comunidade. A nova campaña poñerase en marcha con cuñas de raio, anuncios de televisión e cartelería. Ademais de en Galicia e no resto de España, terá presenza tamén en Portugal.
A campaña fai referencia á oferta en termalismo, a gastronomía, o comercio, a marca Galicia Calidade, as casas rurais ou a costa galega, así como a lugares concretos como a Catedral de Santiago ou a Praia Das catedrais, na Mariña Lucense. Concentrarase en catro épocas do ano: a primeira quenda será dende este mes de marzo ata o 16 de abril; a segunda entre o 21 e o 30 de maio; a terceira entre o 1 de xuño e o 15 de xullo e a última dende o 15 de setembro ata o 5 de decembro.