A cidade de Santiago de Compostela acollerá ao longo dos próximos meses un total de tres gravacións internacionais para televisións de Reino Unido, Xapón e Malaisia. Ademais, podería albergar a gravación dunha longametraxe latinoamericana de cara ao verán.
En concreto, a principios deste mes estiveron na cidade técnicos da BBC para pechar localizacións para a gravación dun capítulo da serie Great Continental Railway Jorneys, sobre viaxes en tren, que conduce o exministro británico Michael Portillo.
Esta primavera tamén estará en Santiago un equipo da televisión xaponesa NHK, que gravará un programa sobre Santiago e a Ruta Xacobea. Mentres que a televisión malaia Astro dedicará un dos seus trece documentais sobre España á cidade.
A maiores destas tres gravacións, estase a pechar a posibilidade de que Santiago acolla durante o verán a gravación dunha longametraxe de República Dominicana. Tamén se traballa na rodaxe dunha web serie e Santiago será sede dunha campaña fotográfica para a firma Florentino.