A Feira do Libro Novo da Coruña celebra, do 1 ao 10 de agosto, a súa cuadraxésima cuarta edición cun completo programa que inclúe un total de 96 actividades nas que participarán destacados escritores e escritoras. Os xardíns de Méndez Núñez da cidade herculina volverán ser o escenario desta cita de referencia na axenda cultural de Galicia.
A apertura da feira, o 1 de agosto, ás 12:30 horas, contará co pregón de Mercedes Queizas e coa actuación da Banda Municipal de Música daCoruña. A partir da tarde e ata o día 10, os xardíns de Méndez Núñez serán o escenario de numerosas presentacións e firma de libros, a cargo de escritores e escritoras como Manuel Rivas, Elena Gallego, César Antonio Molina, Xerardo Quintiá, María Solar, Xavier Alcalá, José Mejuto, Fran P. Lorenzo, Ledicia Costas, Manuel Blanco Desar, Antonio Reigosa, Alfredo Conde, Elena Galván e Suso Lista, entre outros.
Tampouco faltarán na Coruña actividades para achegar aos máis novos o libro e a lectura. Tras o seu paso pola Coruña, as Feiras do Libro de Galicia 2015 chegarán tamén no mes de agosto aos concellos de Viveiro, do 13 ao 16; de Foz, do 20 ao 30; e de Monforte de Lemos, do 26 ao 29.