ABANCA estará presente activamente na 15ª edición da Feira Internacional de Turismo Termal e Benestar, Termatalia, do 24 ao 26 de setembro en Expourense. En concreto, apoiará a recreación do Centro Termal, que representa unha das accións principais do proxecto.
Esta área reflectirá como é un balneario por dentro e os tratamentos que nel se realizan en vivo, contando coas Áreas de Piscina, Relax e Zona de cabinas. Nestas últimas poñeranse en funcionamento equipamentos fabricados en España que aplican as últimas técnicas hidrotermais entre as que se encontran: a ducha Vichy, bañeira de hidromasaxe, chorro jet, maniluvios e pediluvios, jacuzzi, fonte de xeo, sauna e unha columna de aparatoloxía con presospa, arsonspa, cromospa e drenerspa.
Este apartado da feira cumpre unha dobre función. Por un lado en relación á vertente de negocio, permite aos profesionais coñecer de primeira man as últimas técnicas e equipamentos para o sector fabricados e comercializados por empresas españolas; e por outro lado contribúe á divulgación entre o público xeral dun balneario destas características, co fin de promover estilos de vida saudables e preventivos na sociedade.