Área Santiago organiza unha viaxe de xornalistas e profesionais do sector da pesca deportiva e dos turoperadores para promocionar os seus atractivos como destino para os pescadores afeccionados. Nesta acción participarán once persoas, entre xornalistas e pescadores deportivos, con presenza habitual en campionatos, tanto en España como internacionalmente.
Ademais, Área Santiago aproveitará esta viaxe para presentar a primeira guía informativa sobre a pesca fluvial deste territorio de 16 concellos, na que se recollen aspectos de interese para este tipo de turista pescador, como trámites e permisos, modalidades de pesca, especies, zonas de pesca recomendadas e informacións prácticas, aloxamentos adheridos ao proxecto e outras informacións complementarias. Esta primeira edición da guía, que se actualizará anualmente coincidindo co inicio da tempada de pesca, estará dispoñible on-line en tres idiomas (galego, español e inglés) na sección de pesca da web de Área Santiago.