Desde esta semana a ruta de O Camiño dos Faros -unha ruta que ao longo de 200 quilómetros bordea a costa desde Malpica a Fisterra- xa está dispoñible en Google Street View, polo que pode ser visitada, de modo virtual, desde calquera recuncho do planeta. Isto foi posible grazas ao acordo entre Google e a asociación á que se cedeu a tecnoloxía necesaria para gozar da ruta en 360 graos.
Desta forma, O Camiño dos Faros convértese no primeiro proxecto Trekker Loan da comunidade, ao utilizar esta tecnoloxía consistente nunha mochila duns 20 quilos equipada cunha cámara. Ata a data, o Trekker viaxou a algunhas das marabillas naturais máis impresionantes e a lugares patrimonio da humanidade, incluíndo o Gran Canón, o Taj Mahal, o templo de Angkor Wat, as Illas Galápagos e mesmo as rutas históricas pedestres de Venecia. En España, recentemente estivo a capturar imaxes do Caminito do Rey.