
Vigo prepárase para un evento especial: o próximo 26 de outubro celébrase a segunda edición da carreira Vigo contra o cancro. Unha actividade que combina o fomento de hábitos de vida saudable e a práctica deportiva co ocio e a solidariedade.
A organización ofrece dúas posibilidades aos participantes: unha proba de 5 quilómetros pensada para todos aqueles que se estean a iniciar no running ou que, simplemente, queiran achegar o seu graniño de area camiñando e gozando dunha xornada en familia ou con amigos; e unha proba de 10 quilómetros dirixida a todos aqueles que queiran poñer as súas habilidades a proba.
O obxectivo é o de chegar aos 2.000 participantes e o prezo de inscrición é de 5 e 8 euros, dependendo de se os corredores se deciden polo percorrido curto ou longo. O prazo para apuntarse finaliza o mércores 22 de outubro.
A cantidade recadada destinarase integramente a financiar a investigación de biomarcadores para a detección temperá de cancro, unha liña de investigación na que colabora un grupo de expertos da universidade de Vigo. A través dunha análise de sangue, evítase que se fagan probas invasoras ou cirúrxicas, facilitando que máis xente se realice estas probas e se detecte antes a posible existencia dun cancro.
Sen dúbida, unha iniciativa moi recomendable para gozar das rúas da fermosa cidade de Vigo (a proba discorre por avenida Castelao, rúa Porriño, avenida Florida, praza América e avenida Castelao), á vez que se colabora cunha boa causa como é a de loitar contra o cancro.