O Clúster Turismo de Galicia acaba de lanzar unha orixinal e divertida campaña coa que quere implicar tanto a galegos como a visitantes para convertelos en superpresumidores de Galicia.A través de fotografías achegadas por todos os participantes, e que se irán subindo na web e webapp da comunidade Presume de Galicia (www.presumedegalicia.com), a plataforma irá nutríndose das experiencias, recunchos e espazos que nos mostran os propios usuarios desta comunidade, a través de imaxes.
A base desta iniciativa é un banco de fotografías obtido a partir da comunidade de facebook Presume de Galicia no que centos de persoas ensínannos localizacións especiais que persoalmente recomendan e que recolle a opinión de máis de trinta mil presumidores entre os que hai galegos residentes ou vivindo no estranxeiro, e visitantes habituais. Con esta webapp Presume de Galicia, o Clúster busca crear un punto de encontro para namorados desta terra, no que tamén se poden atopar referencias á gastronomía ou a actividades culturais que se desenvolven nas catro provincias tanto a través da webapp como nas redes sociais da comunidade (Facebook, Twitter, Instagram e Youtube)
Ademais de subir fotografías, calquera usuario poderá empregar a web para seleccionar rutas buscando, por exemplo, as mellores postas de sol ou visitas a espazos naturais especiais. Pola súa banda, aqueles que contribúan coas súas achegas fotográficos, poderán converterse tamén en presumidores subindo as súas imaxes á web ou webapp, onde á súa vez, a través de votos en forma de aplausos virtuais, poderán gañar decenas de premios para descubrir a comunidade autónoma de forma diferente a través de experiencias que inclúen aloxamentos en hoteis, degustacións gastronómicas ou trens turísticos.