
A X edición do Outono gastronómico en turismo rural, que este ano cumpre unha década combinando a enogastronomía coas estancias nos establecementos rurais galegos, dará comezo o próximo 16 de setembro, coa participación de 92 establecementos rurais dos que 19 son da provincia da Coruña, 24, da de Lugo; 23, da de Ourense; e 26, da de Pontevedra.
En Outono Gastronómico en turismo rural cada unha das casas participantes ofrece dous menús diferentes, exclusivamente concibidos para a ocasión. Así, a oferta Menú inclúe os entrantes, primeiros e segundos pratos, sobremesas, cafés ou infusións, viños de denominación de orixe galega e outras bebidas.
Tamén se ofrece a posibilidade de adquirir o Paquete que permite degustar o Menú e pernoitar na casa de turismo rural elixida, incluíndo os almorzos do día seguinte. Esta modalidade ofrece un menú por persoa máis aloxamento e almorzo nunha das casas de turismo rural participantes na promoción -noite de venres ou sábado a escoller-. Tamén existe a posibilidade de gozar de dúas noites ou dun fin de semana familiar.
En canto á promoción deste produto, a principal novidade deste ano será o Autobús do outono gastronómico, un vehículo histórico dos anos 50. Este servirá como punto de información da campaña.