A Asociación de Municipios do Camiño de Santiago, que celebrou recentemente a súa primeira asemblea, reunirase en 2017 en Compostela tras contar coa unanimidade de todos os concellos que forman parte da mesma.
Esta entidade, que pretende impulsar a coordinación entre os pobos e cidades da ruta xacobea, desde Canfranc a Compostela, está formada por un total de 55 municipios situados ao longo do camiño francés. Na súa primeira reunión acordouse que a sede social estea en Jaca e a institucional no municipio que ostente a presidencia en cada momento. Deste xeito, a directiva estará presidida por León, as vicepresidencias serán para Logroño e Lizarra, a secretaría para Jaca e a tesourería para Portomarín. Santiago terá unha vogalía permanente e a outra será, segundo o acordado, para Paradela.