Galicia10 participará como xurado no XXXVI Concurso de pratos de Mexillón Amegrove, unha actividade incluída dentro da LI Festa de Marisco do Grove e que xa é unha cita ineludible deste evento. De feito, o concurso, que se celebra o sábado 11 de outubro, é o protagonista desta penúltima xornada da festa e conta cun grande éxito, xa que nas últimas edicións superou o medio centenar de participantes.
O concurso comezará ás 18.30 horas, e todos os participantes dispoñerán de 30 minutos para presentar os seus pratos que deberán utilizar, como produto principal, o mexillón. O xurado elixirá tres pratos segundo o gusto, que terán como premio 1.000, 500 e 250 euros. Mentres que outros tres pratos serán valorados pola súa presentación e recibirán galardóns de 700, 400 e 200 euros. A entrega de premios celebrarase o domingo 12 de outubro ás 12:00 horas. Ademais do representante de Galicia10, Borja Calvo, o xurado estará formado por Pepe Solla, do restaurante Casa Solla; José María García, presentador do programa da Radio Galega Come e Fala; e Alberto Rivas, do blog Máis Grelos. Para a realización desta cita, Amegrove conta coa colaboración do profesor e cociñeiro Paco Caneda.
A cooperativa do mar Amegrove, ademais de celebrar esta xornada e concurso dedicado ao mexillón, participa cun posto propio na Festa do Marisco do Grove, ofrecendo aos visitantes diferentes preparacións do molusco como ao vapor, á vinagreta, en salsa, tigre, empanada ou croquetas.
Durante as dúas últimas xornadas da Festa os postos, nos que se pode degustar o mellor marisco galego, estarán abertos de 11:00 a 16:00 horas e de 19:00 a 22:45 horas e os visitantes, ademais de gozar da gastronomía, poderán sumarse ás diversas actividades que se organizan.