O vindeiro venres, 12 de setembro, comeza o X Concurso de Tapas de Lugo, unha cita xa tradicional na hostalería lucense previa á celebración das festas do San Froilán.
Este ano aumentou o número de locais participantes no certame, que se desenvolverá ata o 30 de setembro e no que tomarán parte 50 establecementos hostaleiros, cinco máis que na anterior edición.
Como en anteriores edicións, este ano tamén o premio á mellor tapa de Lugo será concedido polo público e un xurado profesional escollerá as gañadoras nas modalidades de tapa creativa, tapa tradicional e a mellor maridaxe co viño da Ribeira Sacra.
Nesta edición, o prezo máximo das tapas será de 3 euros e o horario mínimo no que se poderán consumir é de 13:00 a 15:30 horas e de 20:00 a 22:30 horas. Os cupóns para participar nas votacións distribuiranse nos locais participantes, nos que tamén se poderán depositar os votos.