O vindeiro venres, 12 de setembro, comeza unha nova edición, a oitava, do Outono Gastronómico en Turismo Rural. A iniciativa, promovida por Turismo de Galicia agrupa a 106 establecementos rurais que convidan a gozar da gastronomía galega presentando cada un deles dous menús diferentes elaborados cos mellores produtos da tempada.
O programa ten por obxectivo dinamizar o turismo no eido rural, promover a gastronomía galega, desenvolver a oferta complementaria neste segmento e favorecer a desestacionalización neste período no que a natureza de Galicia permite gozar de estadías moi singulares enmarcadas nas contornas rurais de Galicia.
Deste xeito, ata o 14 de decembro, as casas de turismo rural de Galicia adheridas á promoción ofrecen as seguintes posibilidades:
– O Menú Outono Gastronómico. Un menú para xantar ou cear que consta de entrante, primeiro prato, segundo prato, sobremesa e, viño con Denominación de Orixe galega. O prezo é de 30 euros por persoa. Cada casa de Turismo Rural ofrece dous menús diferentes.
-Un Paquete Outono Gastronómico que inclúe un Menú Outono Gastronómico por persoa e o aloxamento e almorzo na casa de Turismo Rural elixida –pódese escoller a noite do venres ou a do sábado-. O prezo é de 110 euros para dúas persoas en cuarto dobre ou de 70 euros para unha persoa en cuarto individual.
– Fin de Semana de Outono Gastronómico, que inclúe dous menús por persoa, máis o aloxamento –noite de venres ou sábado- e almorzos por 190 euros para dúas persoas en cuarto dobre e 130 euros para unha persoa en cuarto individual.
Ademais, se os viaxeiros quixesen compartir coa familia esta fin de semana tan especial, poden escoller a opción Fin de Semana Familiar Outono Gastronómico, que inclúe ofertas para un e dous nenos de ata 14 anos.