O Consello Termal Ourensán, o órgano que terá como función velar polo cumprimento do Plan Ourense, a provincia termal, quedou constituído no Balneario de Laias (Cenlle), baixo a presidencia do titular da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e contando entre os seus representantes con integrantes da Xunta de Galicia, do Goberno central, do Concello de Ourense e municipios con vilas termais, así como do Campus de Ourense, da Asociación de Balnearios, da Confederación de Empresarios de Ourense e da Cámara de Comercio de Ourense, do Inorde, Expourense e representantes empresariais do sector termal.
O Consello Termal terá tres reunións anuais, unha cada catro meses, e o que se pretende nesta primeira reunión é que todos interioricen o termalismo como unha aposta de futuro. É un consello aberto e participativo. A súa seguinte xuntanza será o 22 de marzo, o Día da Auga, no balneario de Baños de Molgas.
Entre os obxectivos para o vindeiro 2015 destaca a internacionalización do termalismo provincial coa posta en marcha, por parte da Deputación, do programa Termalismo social transfronteirizo.