Co gallo dos festivos do 6 e o 8 de decembro, co fin de incrementar as alternativas de ocio e turísticas de Ferrol, a primeira fin de semana do próximo mes retomaranse as visitas guiadas ao estaleiro de Navantia en “city-tren” e ao Arsenal militar, e reanudaranse as do Pazo de Capitanía.
A Concellería de Turismo retoma, en colaboración coa Armada, as visitas guiadas ao Pazo de Capitanía. Neste caso serán só o sábado 5 de decembro, en dous turnos, ás 11:00 e ás 12:00 horas, e con carácter gratuíto.
En canto ás visitas guiadas a Navantia e ao Arsenal militar, promovidas pola Sociedade Mixta de Turismo de Ferrol, poderanse realizar catro días, dende o sábado 5 ao martes 8 de decembro. Son abertas a todo o público en xeral e teñen un custo cada unha de 4 euros polo servizo de guía turística, sendo gratuítas para os menores de 5 anos. É preciso realizar inscrición previa nas oficinas municipais de turismo ou ben nos teléfonos 696531070 e 604008670.