O festival Implícate! Noite de música e palabra solidaria, unha iniciativa da ONGD Implicadas no Desenvolvemento, cumprirá este domingo, 11 de xaneiro, a súa décima edición que celebrará ás 20:30 horas no Teatro Principal de Santiago de Compostela.
Cultura e solidariedade danse a man neste festival que conducirán Yolanda Castaño e Isabel Blanco e que contará coas actuacións de Mercedes Peón, Abe Rábade, Uxía e Antón Reixa. Tamén participarán Fran Alonso, Marilar Aleixandre; María Lado e Lucía Aldao ou Nova Galega de Danza, entre outros.
As entradas están á venda a un prezo de 10 euros e existe unha fila cero para aqueles que queiran realizar as súas doazóns. O recadado destinarase a dous proxectos en India en contra do infanticidio e a favor do empoderamento das mulleres.