A promoción e difusión conxunta do produto turístico surf constituirá unha das apostas máis decididas da marca turística España Verde da que forman parte as comunidades autónomas de Galicia, Asturias, Cantabria e o País Vasco para atraer visitantes ás súas costas ao longo de 2015.
Este ano desenvolveranse accións de promoción turística internacional que posibiliten o posicionamento deste produto que comezará a comercializarse baixo a denominación Surfing Northern Spain.
Levaranse a cabo distintas accións de promoción nos principais mercados emisores da marca, entre eles Gran Bretaña, Alemaña e Italia. Está prevista a organización dunha viaxe de familiarización para xornalistas e outra para operadores turísticos dos anteditos países. Tamén se prevé a inserción de información turística sobre as posibilidades do surf no territorio da marca España Verde en medios de comunicación especializados de Gran Bretaña.
No ámbito do surf, tanto en Galicia como no resto de España, o certame Pantín Classic Galicia Pro ocupa un lugar moi destacado, e xa constitúe unha das probas de surf máis importantes do calendario internacional. Por iso, en 2015, a Pantín Classic Galicia Pro xa ten reservadas as datas, entre o 1 e o 6 de setembro, para a celebración da súa edición número 28 dentro do elenco das máis prestixiosas competicións deste deporte náutico.