As principais cidades galegas preparan xa os últimos detalles para poder recibir esta tarde aos Reis Magos. Os seus Maxestades, recén chegados de Oriente, farán gozar a pequenos e maiores coas Cabalgatas que esta tarde inundarán de maxia e ilusión numerosas localidades.
En Vigo, o desfile “Un mundo máxico”, que comezará ás 18 horas, percorrerá a cidade olívica dende a glorieta Isaac Peral ata o Paseo de Alfonso. Unhas 1.200 persoas formarán a comitiva con 15 carrozas que pasarán por rúas como García Barbón, Policarpo Sanz ou Porta do Sol.
A Pontevedra chegarán a cabalo ás 18 horas. 7 carrozas percorrerán Loureiro Crespo, Benito Corbal, a Praza da Peregrina ou a Praza de España, para chegar á Alameda.
Na Coruña o percorrido comezará tamén ás 18 horas. 13 carrozas, 8 trens, 6 compañías de animación e máis de 1.000 figurantes formarán unha comitiva que sairá de Salvador de Madariaga e chegará a María Pita. Ás 21 horas as súas Maxestades saudarán dende o balcón do Pazo Municipal. A gran novidade deste ano é a web www.cabalgatasmartcoruna.es, pertencente ao proxecto coruñés Smart City, dende a que se poderá seguir en todo momento a situación da Cabalgata sobre un mapa da cidade.
A Santiago de Compostela Melchor, Gaspar e Baltasar chegarán en tren. Pasadas as 17:30 horas percorrerán rúas como Frei Rosendo Salgado, Praza Roxa, Hórreo, Praza de Galicia, Rúa do Vilar ou Praza de Praterías. Máis de 200 persoas, 7 carrozas e varios grupos de animación chegarán finalmente á Praza do Obradoiro e serán recibidos pola Banda Municipal, para posteriormente saudar a todos os asistentes dende o balcón do Pazo de Raxoi, así como recibir a todos os que o desexen no Concello.
A Ferrol, as súas Maxestades chegarán en barco ás 17 horas. 7 carrozas pasarán pola estrada de Castela, Praza de España, Terra, Real, a Praza de Amboage ou Dolores ata chegar á Praza de Armas.
Os Reis chegarán a Lugo ás 18 horas. Sairán do Parque da Milagrosa e pasarán pola avenida da Coruña para chegar á Praza Maior unha hora despois.
E a Ourense as súas Maxestades tamén chegarán en tren. Dende as 17:30 horas percorrerán a Avenida das Candas ou Doctor Marañón para rematar na Praza Maior. A gran novidade deste ano serán 5 carrozas autónomas de gran mobilidade que permitirán aos Reis Magos facer paradas de forma moito máis cómoda.