Showcookings, coctelería, taller de cata e mostra de produtos centrarán as III Xornadas de Degustación e Maridaxe das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia; unha cita que se desenvolverá o sábado 14, en horario de tarde, e o domingo 15 de novembro, pola mañá, nas instalacións do Salón José Pena de Cambados.
O sábado 14 de novembro, a apertura de portas está prevista para as 17:00 horas e, a continuación, procederase ao desenvolvemento dun Taller de cata. Seguidamente, ás 18:30 horas, o barman Anxo Camiña protagonizará un showcooking no que elaborará novos cócteles con augardentes e licores e que se maridarán cos produtos da Asociación de Repostería Tradicional Melide Doce.
Xa para o domingo, está prevista a apertura de portas do Salón José Pena ao redor das 11:00 horas. Pouco despois, terá lugar un novo showcooking, que contará coa presenza dos chefs Mark Wernink (do Casino A Toja) e Francisco Castro (do Hotel A Toja) e do barman Anxo Camiña. Ambos os cociñeiros prepararán pratos que contarán entre os seus ingredientes cos Augardentes e Licores de Galicia e que despois se maridarán cuns cócteles preparados especialmente para esta ocasión.