O Fórum Gastronómico Coruña 2015 xa está preparado para abrir as súas portas do domingo 15 ao martes 17 de marzo, trátase da quinta edición en Galicia, e segunda na Coruña. Público profesional e gastrónomo daranse cita en ExpoCoruña que abrirá as súas portas de 10:00 a 20:00 horas.
Lume, brasa e grella constitúen o grande eixe temático desta edición ademais de sesións dedicadas á cociña doce e ao viño. Algúns dos protagonistas serán Jordi Roca (El Celler de Can Roca), Xosé Cannas (Pepe Vieira), Pepe Solla (Casa Solla), Luis Veira (Árbore da Veira), Iván Domínguez (Alborada), Javier Olleros (Culler de Pau), Dani Guzmán e Julio Sotomayor (Nova), Yayo Daporta (Yayo Daporta Restaurante), ou David García (gañador de TopChef 2 e Grupo To[+]) con Inés Abril (Maruja Limón), entre outros.
O Fórum tamén contará coa presenza de xefes de cociña procedentes da rexión de Porto, ademais de sesións de temática especializada como as de cociña xaponesa e as de carne. Así mesmo tamén destacan as sesións de FórumVino e os talleres didácticos para os máis pequenos.
A feira profesional do Fórum permitirá aproximarse dun modo global ao sector. Ao redor de 600 marcas e 125 expositores daranse cita nunha superficie ampliada a 6.000 metros cadrados, cun crecemento dun 45% respecto o ano pasado.
Unha das novidades do espazo feiral é Cook Trends, espazo estreado na edición 2014 de Barcelona. Nunha especie de ágora da comida de rúa, o visitante pode encontar o seu produto preferido ou pode construír un menú completo a partir de formatos de restauración que están hoxe en expansión no mundo. O Fórum Gastronómico Coruña 2015 tamén acollerá distintos certames. Entregaranse os Premios Picadillo e o Premio ao Cociñeiro do Ano e celebraranse o V Concurso de Pulpeiras/os, o II Campionato Galego de Tiraxe de Cervexa organizada por Estrella Galicia, patrocinador do Fórum, entre outros.