Galicia é a comunidade invitada este ano na II Semana gastronómica española en Bos Aires que se está a celebrar dende onte e ata o domingo en 16 restaurantes da capital arxentina.
Os cidadáns bonaerenses terán estes días a oportunidade de coñecer máis de preto os recursos gastronómicos galegos a través de distintas actividades divulgativas organizadas por Turismo de Galicia, en colaboración coa Oficina de Turismo de España en Bos Aires.
Así, ao longo destes días terá lugar unha presentación da oferta turística galega a 35 operadores turísticos arxentinos, degustacións, un seminario sobre cociña galega dirixido a 300 estudantes e unha demostración culinaria no marco destas xornadas.
Polo que respecta ao número de visitantes arxentinos que recibe Galicia, ao longo de 2014 a comunidade galega rexistrou 69.400 viaxeiros procedentes do país austral, o que supuxo un 6,6% do total de turistas estranxeiros que nos visitaron en 2014.