A finais deste mes publicarase a primeira guía online de restaurantes Soles Repsol de Galicia. Esta guía, elaborada por Turismo de Galicia co fin de potenciar a excelencia da gastronomía da Comunidade, promoverá os restaurantes e cociñeiros galegos que celebran o recoñecemento do seu talento cos Soles Repsol e con ela dotarase de maior difusión ás fortalezas que alberga a boa cociña galega. Esta publicación online descargarase gratuitamente dende a páxina web de Turismo de Galicia.
Os textos e entrevistas dos propios xefes de cociña irán acompañados de imaxes tanto dos propios manxares coma dos xefes de cociña que os elaboran e os restaurantes onde se poden degustar. A iso sumaranse datos básicos dos propios establecementos como as coordenadas ou os enclaves turísticos que se poden coñecer nos seus arredores.
A súa realización é posible grazas ao Plan de Promoción de Alimentos de Galicia na Gastronomía Galega que leva a cabo Turismo de Galicia conxuntamente coa Consellería de Medio Rural e do Mar e a Real Academia de Gastronomía a través dun convenio de colaboración.