O recinto galego de FITUR 2016 situará a marca do turismo galego Galicia, o bo camiño, dando a coñecer os destinos, produtos e recursos turísticos galegos que compoñen a oferta turística da comunidade.
Como novidades da presenza galega na 36 edición da Feira Internacional de Turismo de Madrid, FITUR, destacan a instalación na caseta de tres novos módulos expositivos relacionados co Entroido galego, as festas declaradas de interese turístico nacional e internacional, e a oferta relacionada coa Comunidade galega como destino Starlight.
Así mesmo, haberá unha pantalla táctil informativa dos recursos turísticos galegos; un taller de artesanía a cargo do mestre artesán Xosé Manuel Sanín e as catas de viños e queixos galegos con Denominación de Orixe dirixidas polo catador Nacho Costoya.
Ademais, destaca a importancia que terá para a promoción da gastronomía galega a cea ofrecida por Turismo de Galicia na Gala dos Premios á Excelencia e á Innovación Turística da Organización Mundial do Turismo (OMT). Por outra banda, presentaranse os grandes eventos o Ano da Compaixón e A Volta.