A noite de San Xoán celebrarase hoxe ao grande ao longo e ao largo da comunidade con miles de cacharelas, churrascadas e sardiñadas que encherán de luz e diversión a reunión máis máxica do ano.
Localidades como Poio, Sarria, Muros, Ribeira, Guitiriz ou Carballo, ademais das populares cacharelas onde se aproveita para espantar os malos espíritos, celébrano coa realización de sardiñadas populares (porque xa se sabe que “polo san Xoán a sardiña molla o pan”), verbenas, concursos e outras actividades de animación.
Pero, sen dúbida, se hai algún lugar no que a festa se vive con especial intensidade, ese sitio é a cidade da Coruña, sobre todo nas súas praias. Tras máis dunha semana de actividades previas, por fin a Noite Meiga, declarada Festa de Interese Turístico Nacional, chega ao seu momento máis esperado: o dos lumes artificiais e a queima da falla que se producirá a media noite. Antes, dende as 21.30 horas, o paseo marítimo acollerá o Festival Rock&Roll Stars coa música de Alejo Stivel, Seguridad Social e Danza Invisible.
A Cabalgata de San Xoán percorrerá o paseo dende as 23.30 horas. Este ano, ademais, reforzouse o dispositivo especial de seguridade, con máis de 350 efectivos, aparcadoiros disuasorios e horario especial de autobuses.