Xa están dispoñibles os billetes para viaxar o próximo mes de agosto no Tren do Peregrino, unha das grandes novidades do programa Galicia a todo tren que Turismo de Galicia promove en colaboración con Renfe e o Instituto Ourensano de Desarrollo Económico (Inorde).
Trátase dun trenhotel que realizará catro saídas de cinco días -catro noites- ao longo do mes de agosto a Galicia, en concreto os días 6, 13, 20 e 27.
O Tren do Peregrino sairá de Madrid con destino Santiago de Compostela onde chegará tras percorrer un traxecto do Camiño que abrangue tres etapas que os viaxeiros poderán facer a pé ou na súa bicicleta, coa que poden viaxar a bordo.
Dende a estación na que o tren se detivese ata o lugar onde se inicia a etapa da Ruta Xacobea os viaxeiros serán trasladados nun autobús que os acompañará no seu traxecto para os desprazamentos que sexan necesarios.
Esta nova opción inclúe o aloxamento nunha cabina de Gran Clase con baño completo, os almorzos e dúas ceas que se servirán a bordo do tren a primeira e a última noite da viaxe. Así mesmo unha selección de excursións, actividades e visitas culturais completan a viaxe.