Habelas Hailas Licores conta con caseta propia no Salón Gourmet de Madrid, que se desenvolve no IFEMA ata o próximo 8 de abril. Alí chegou con bastantes novidades.
A empresa de Noia aproveitou a súa presenza nesta destacada feira profesional para presentar unha nova liña de produtos, os destilados DOSH, composta por un ron añejado e unha xenebra london dry, que se presentaron nunha sesión de coctelería a cargo de Marián Romero que ao longo da semana tamén ofrecerá na caseta diferentes showcookings, coctelería e degustacións da ampla gama de produtos de Habelas Hailas.
Pero ademais a empresa acode á cita madrileña con dous novos sabores que incorporar á gama de cremas de Habelas Hailas: crema de torta de améndoas e crema de froitos silvestres, que veñen incrementar ata 17 os sabores que ofrece.
Outra das grandes novidades que estrea Habelas Hailas Licores para esta edición de Gourmets é o selo da denominación de orixe protexida Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia.